O club de baloncesto Carballeira do Páramo visita en Santiago ao ADB Fontiñas

SarriaXa
O club paramense visitou á entidade compostelá que serviu de inspiración polo seu espírito de barrio e o seu compromiso coa integración social
Carballeira-do-Páramo-en-Santiago
23 Dec 2025

O club de baloncesto Carballeira do Páramo desprazouse a Santiago de Compostela para visitar ao ADB Fontiñas, un dos clubs que consideran referentes e unha das súas principais fontes de inspiración á hora de poñer en marcha o proxecto do Carballeira do Páramo C.B. A entidade compostelá destaca polo seu marcado espírito de club de barrio, no que os valores deportivos sitúanse por enriba dos resultados, sen que iso reste calidade ao seu xogo sobre a pista.

Durante a visita, os membros do club paramense puideron coñecer de preto o funcionamento dun proxecto que admiran especialmente polo seu compoñente humano e social. Entre os aspectos máis valorados atopouse a iniciativa de integración de persoas refuxiadas impulsada polo ADB Fontiñas, cualificada polos visitantes como unha das experiencias máis fermosas e inspiradoras que tiveron ocasión de ver nos últimos tempos no ámbito deportivo.

A xornada desenvolveuse nun ambiente de convivencia e compañeirismo, cunha mañá marcada polos encontros amigables e a celebración dun pequeno torneo 3x3 no que xogadores de ambos clubs compartiron equipos. Picheleiros e parameses mesturáronse na pista, intercambiando risas, baloncesto e unha experiencia que reforzou os lazos entre as dúas entidades.

Desde o Carballeira do Páramo quixeron agradecer a hospitalidade recibida por parte de todo o ADB Fontiñas, destacando especialmente a disposición do seu presidente, Adrián Dios, sempre disposto a colaborar e a tender a man para fortalecer este tipo de encontros baseados no deporte e nos valores que o acompañan.

⚙ Configurar cookies
0.073840141296387