O Club de Lectura Letras Vivas inicia nova etapa en Sarria con 'Me comparo contigo', de Carmen Malvi

SarriaXa
O encontro celebrarase o venres 17 de outubro ás seis da tarde no EcoEspazo Vitriol e contará cunha charla coa autora do libro
EcoEspazo-Vitriol-Sarria
14 Oct 2025

O Club de Lectura Letras Vivas retoma a súa actividade en Sarria cunha nova proposta de encontro arredor da lectura consciente. A iniciativa, que terá lugar no EcoEspazo Vitriol, propón un espazo aberto ao diálogo, á reflexión e ao intercambio de emocións a través dos libros, coa intención de facer da lectura unha ferramenta para o crecemento persoal e colectivo.

O libro escollido para este mes é Me comparo contigo, da escritora Carmen Malvi, unha obra que estará dispoñible no propio EcoEspazo Vitriol. A autora participará nunha charla gratuíta o venres 17 de outubro ás 18:00 horas, coincidindo coa primeira sesión do club, nun encontro pensado para compartir impresións e experiencias arredor da lectura.

A actividade está aberta ao público xeral, aínda que require inscrición previa, e forma parte dun ciclo que se desenvolverá un venres ao mes.

Letras Vivas preséntase así como un espazo inclusivo no que ler é tamén unha forma de coñecerse e compartir, consolidando o EcoEspazo Vitriol como un punto de referencia cultural e de encontro en Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.065183877944946