O Club de pesca Río Neira inicia as súas xornadas anuais de limpeza no concello de Láncara

O Club de pesca Río Neira levou a cabo a primeira das xornadas de limpeza que organiza cada ano no río Neira, unha iniciativa xa consolidada que ten como obxectivo contribuír á conservación e mellora do entorno fluvial. Nesta ocasión, a actuación desenvolveuse no concello de Láncara, centrando os traballos no tramo 2 do río.
Durante a xornada, os participantes dedicáronse á limpeza dos accesos ao río nos muíños de Corveira e de Rairo, onde procederon á retirada de residuos acumulados. Un ano máis, recolleuse unha cantidade significativa de plásticos, aínda que desde o club destacan que a presenza deste tipo de lixo vai diminuíndo progresivamente grazas ás limpezas continuadas que veñen realizando ao longo dos últimos anos.
A actividade rematou cun xantar de convivencia na taberna Airexe, un momento que serviu para compartir impresións e reforzar os lazos entre os membros da entidade tras o traballo realizado.
Desde o Club de pesca Río Neira lembran ademais que o próximo día 22 celebrarán as súas V Xornadas Técnicas, unha cita xa habitual no calendario da asociación.