O Club Rítmica Atalaia de Sarria organiza o I Torneo Sarria Vila Xacobea

O Club Rítmica Atalaia de Sarria organiza o I Torneo Sarria Vila Xacobea o vindeiro 2 de maio no pavillón novo do Chanto, nunha xornada de mañá e tarde centrada na ximnasia rítmica en diferentes niveis e marcada pola ilusión de poñer en marcha a súa primeira edición.
A cita, na que xa están inscritas 600 ximnastas de 9 clubs da provincia de Lugo, nace co obxectivo de ofrecer un espazo de encontro para gozar desta disciplina, reunindo a deportistas e público arredor dunha xornada deportiva e de convivencia.
A organización destaca ademais o carácter especial do cartel anunciador, no que aparecen dúas ximnastas que o pasado ano finalizaron a súa etapa sobre o tapiz, aínda que continúan vinculadas ao equipo.
Desde o club quixeron agradecer a colaboración das entidades que fixeron posible este torneo, que aspira a consolidarse como unha referencia dentro do calendario deportivo local.