O Club Xirandela de Sarria destaca no Campionato Galego Escolar con dous títulos e tres terceiros postos

O Club Xirandela de ximnasia rítmica de Sarria participou esta fin de semana no Campionato Galego Escolar, celebrado no pavillón da Malata en Ferrol, volvendo a casa cun balance espectacular: dous equipos proclamáronse campións galegos e outros tres subiron ao terceiro chanzo do podio.
Os grandes triunfos chegaron da man dos conxuntos Prebenxamín e Senior, que acadaron o ouro e se proclamaron campións de Galicia nas súas categorías, consolidando ao club como unha referencia da rítmica galega.
Tamén subiron ao podio con medallas de bronce os equipos Iniciación, Alevín M e Cadete, mentres que os conxuntos Benxamín e Alevín P obtiveron tamén resultados moi meritorios. Este éxito colectivo converte ao Xirandela no único club que logrou subir en máis dunha ocasión ao podio galego nesta edición do campionato.
Desde a entidade destacaron a emoción vivida e felicitaron a todas as ximnastas polo seu esforzo e dedicación. “Hoxe fixestes historia”, celebraron con orgullo desde o club. O equipo continúa xa a súa preparación para os próximos retos, coa mesma paixón e ilusión que as levou ao máis alto.