O Club Xirandela organiza o XXIII Campus de Verán con Ivi Fernández como estrela convidada

O Club Xirandela de ximnasia rítmica de Sarria vén de anunciar a celebración do seu XXIII Campus de Verán, que terá lugar do 20 ao 24 de xullo co apoio do Concello de Sarria.
Este ano, o campus contará cunha destacada novidade: a presenza de Ivi Fernández, tricampión de Andalucía, Campión de España e Subcampión do Mundo de Ximnasia Estética de Grupo, quen será o encargado de impartir a xa tradicional masterclass á rapazada participante.
Dende o club avanzan que haberá máis sorpresas ao longo da semana, facendo desta edición unha experiencia inesquecible tanto para as novas promesas da ximnasia como para as e os que se acheguen por primeira vez a este deporte.
As persoas interesadas en participar no campus poden beneficiarse dun desconto de 10 euros se formalizan a súa inscrición antes do 22 de xuño.