O Clube de Pesca Río Neira cualifica de éxito as V Xornadas Técnicas de pesca a mosca

SarriaXa
A cita reuniu 14 nenos nas actividades formativas e preto dun cento de asistentes nunha fin de semana centrada na divulgación e na educación ambiental
V-Xornadas-Técnicas-Pesca-a-Mosca-Clube-de-Pesca-Río-Neira
24 Feb 2026

O Clube de Pesca Río Neira de Láncara celebrou a pasada fin de semana a quinta edición das súas Xornadas Técnicas de pesca a mosca, unha convocatoria que a entidade valora como un éxito pola elevada participación e pola implicación das persoas colaboradoras.

A actividade principal desenvolveuse o domingo 22 de febreiro en Láncara e estivo especialmente dirixida á infancia, nunha aposta pola formación das novas xeracións. Un total de 14 nenos participaron en clases prácticas de montaxe de moscas e de técnicas de lance, mentres que preto dun centenar de persoas asistiron ao conxunto da xornada, que combinou aprendizaxe, demostracións e divulgación.

O club agradeceu a colaboración da Asociación Cultural Val de Láncara, que cedeu as súas instalacións para a celebración do encontro. Tamén destacou o labor de Luis Sandamil e Roi Antelo, encargados da montaxe de moscas para os máis novos, así como de Tomás Pardo, que asumiu a formación en lance. Raúl Sánchez e Ali Pérez realizaron demostracións de elaboración de moscas e resolveron as dúbidas do público asistente, mentres que Álvaro Fernández explicou o proceso de fabricación das poteras empregadas na pesca do calamar.

A programación completouse cunha conferencia sobre xestión piscícola impartida por Santiago Fraga, que abordou cuestións relacionadas coa conservación e o coidado dos recursos fluviais.

Desde o club xa avanzan que o próximo día 1 de marzo organizarán a segunda xornada de limpeza e que comezan a traballar na preparación da sexta edición das Xornadas Técnicas co obxectivo de repetir a boa acollida rexistrada este ano.

0.085152864456177