O Clube de Pesca Río Neira culmina a posta a punto do río antes do inicio da tempada

SarriaXa
Os traballos incluíron a mellora de accesos, a reposición de sinais no coto sen morte e a retirada de residuos nos tramos de Láncara e Valdriz
limpeza-río-Neira-Láncara
3 Mar 2026

O Clube de Pesca Río Neira levou a cabo a segunda xornada de limpeza e acondicionamento no río Neira, unha actuación coa que dá por concluídas as tarefas previas ao arranque da tempada de pesca, fixado para o día 15.

A intervención centrouse nos tres tramos que a sociedade ten consorciados, concretamente o coto sen morte de Láncara, o coto con morte tamén en Láncara e o coto de Valdriz.

Durante a xornada realizáronse labores de mellora dos accesos ás marxes do río e repuxéronse sinais que foran arrincadas no tramo sen morte. Ademais, procediuse á retirada de distintos residuos, entre eles plásticos acumulados —nun problema que, segundo sinalan, volve repetirse— e mesmo unha roda de camión localizada na contorna fluvial.

Desde a entidade lembraron tamén que, grazas ao traballo desenvolvido ao longo das últimas semanas, os veciños da Pobra de San Xiao poden volver transitar polo camiño situado á beira do río entre a urbanización de Valdriz e a pasarela da praia fluvial, un percorrido moi empregado tanto para o paseo como para o lecer ao aire libre.

0.12713003158569