O Clube de Pesca Río Neira organiza as V xornadas técnicas de pesca a mosca

O Clube de Pesca Río Neira de Láncara celebrará o domingo 22 de febreiro as súas V xornadas técnicas de pesca a mosca, unha cita que nesta edición estará especialmente orientada aos nenos e á divulgación desta modalidade entre os máis novos. As actividades desenvolveranse na antiga Casa Consistorial de Láncara, grazas á colaboración da Asociación Cultural Val de Láncara, que cedeu as súas instalacións para a realización do evento.
O programa inclúe cursos de montaxe de moscas e de lance dirixidos aos máis pequenos, así como actividades pensadas para persoas que están a dar os seus primeiros pasos na montaxe, ás que se anima a levar o seu propio torno para compartir aprendizaxes de forma práctica. Ao longo da xornada tamén se ofrecerá unha charla sobre a xestión da pesca e haberá demostracións en directo de montaxe de poteras.
As xornadas completaranse cunha comida de confraternización na Taberna Airexe e contarán coa participación de diferentes colaboradores e especialistas vinculados ao mundo da pesca a mosca. Dende a organización destacan o carácter formativo e divulgativo da iniciativa e agradecen o apoio das entidades e persoas colaboradoras que fan posible unha nova edición deste encontro.