O Clúster da lousa premia a nove concellos como pioneiros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Estes foron para Ortigueira, A Fonsagrada, Mondoñedo, A Pastoriza, Lourenzá, Samos, Pol, Quiroga, Folgoso do Courel, Vilamartín e Carballeda de Valdeorras
concellos-pioneiros-da-lousa
24 Nov 2024

O Clúster da Lousa de Galicia celebrou a súa primeira edición do Premio Pioneiros da Lousa, un recoñecemento que, segundo o seu presidente, Víctor Cobo, busca “preservar na memoria das xeracións actuais e futuras o esforzo de todas aquelas persoas que iniciaron a súa actividade con medios rudimentarios, logrando converter este sector nun dos motores económicos de Galicia”.

O acto tivo lugar nas instalacións do Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín de Valdeorras, contando con máis de 180 asistentes. Nesta ocasión inaugural, o galardón foi concedido a once concellos con maior tradición louseira, en recoñecemento á súa contribución esencial para o desenvolvemento do sector. Segundo afirmou Cobo, estes municipios fixeron “unha aposta firme” polo sector e, sen o seu apoio e diálogo, sería "moi complicado levar a cabo a actividade”.

Os galardoados foron os concellos de Ortigueira, A Fonsagrada, Mondoñedo, A Pastoriza, Lourenzá, Samos, Pol, Quiroga, Folgoso do Courel, Vilamartín e Carballeda de Valdeorras. Cada un recibiu unha figura dun labrego en lousa, deseñada polo escultor Alejandro Álvarez e entregada por representantes de distintos ámbitos, como a cultura, a educación, o deporte, a empresa e a viticultura local.

Previamente á entrega dos galardóns, 91 empresarios e 19 colocadores recibiron un diploma que os acredita como auténticos “Pioneiros da Lousa”. Foi un momento cargado de emoción, que reuniu máis de 100 participantes, incluíndo os propios homenaxeados e os seus familiares.

Durante o acto, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, quen tomou a palabra en representación dos concellos premiados, subliñou a importancia de “motivar ás novas xeracións para que aposten polo sector da lousa, garantindo así a súa continuidade e fortalecemento no futuro”.

Tamén interviron o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, ambos coincidiron en destacar a enorme calidade da lousa galega, cualificada como “única no mundo”, e amosaron confianza no futuro dun sector fundamental para Galicia.

0.068458080291748