O colectivo Patrimonio dos Ancares pide que se mellore a ponte da Áspera en Sarria
O colectivo Patrimonio dos Ancares vén de comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia e ao Concello de Sarria o mal estado en que se atopa a emblemática Ponte da Áspera, paso secular dos peregrinos para salvar o río Pequeno ou Celeiro no seu camiño cara a Santiago de Compostela, despois de ser alertados por uns veciños.
Desde o colectivo lembran que en maio de 2022 o Ministerio de Transportes a incluíu dentro duns proxectos de rehabilitación do Camiño de Santiago por un importe de 230.000 euros e o 21 xuño dese ano rematou o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas, cun tempo de execución de 6 meses. “Descoñecemos se algunha empresa se interesou ou se quedou deserto, pero o certo é que a ponte, catalogada por Patrimonio co código GA27057104, continúa a deteriorarse ano tras ano. As pedras da calzada, onde non desapareceron, están removidas, así como outras do peitoril. Parte das tubaxes que se colocaron hai anos para escorrentar a auga que invadía a calzada atópanse agora á vista, e cando chove fórmanse enormes charcas, feito que está a provocar graves danos estruturais”, explican.
Por todo isto, piden que se recupere o pavimento orixinal, practicamente desaparecido; a consolidación e reposición das pedras dos peitorís e dos tallamares; e a eliminación da vexetación que inza toda a ponte.
Valor patrimonial
A ponte é de orixe baixomedieval do século XV (algúns investigadores din que do século XIII, e incluso de orixe romana), foi reformada no século XVIII. Conta con catro arcos dos que tres conservan a súa factura románica. Tres dos arcos e os tallamares contracorrente son de granito, o resto de cachotería de lousa e no ano 1986 colocouse un fito sinalizador do Camiño de Santiago.