O colexio do Páramo consolida o seu propio podcast educativo con oíntes en todo o mundo

O alumnado de 3º e 4º de Primaria do colexio do Páramo continúa a desenvolver o podcast ‘Voces do Páramo. A casa dos contos’, promovido polo profesor Toni, que empezou con esta iniciativa o ano pasado no centro educativo e xa conseguiu vincular ao seu alumnado con este proxecto, no que cada vez se suman máis.
No curso pasado, xunto a Toni, Flavia, Ana, Dani, Isaac e Uxíaforon os impulsores deste proxecto que naceu coa vontade de beneficiar a comprensión lectora do alumnado, así como a capacidade para falar en público e a mellora na dicción. Ademais, tamén serve para aprender matemáticas, xa que analizan o número de visitas que obteñen en cada podcast subido; así como aprenden Ciencias Sociais.
O profesor Toni valora o esforzo destes pequenos, que lle seguiron no comezo do podcast, e pon en valor os avances que se conseguiron neste curso, xa que en decembro chegaron a 5.000 oíntes e, xa en 2025, recibiron unha radio no marco do proxecto de Polos Creativos da Xunta de Galicia para dotar aos centros de materiais de innovación e experimentación nas novas texnoloxías. “Agora, gravar os podcast é moito máis sinxelo, xa que contamos con cinco micrófonos, unha mesa de son e todo iso facilita a edición do podcast”, explica o profesor.
O último podcast que gravaron foi ‘A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza’, que se escoitou moito, pero tamén foron moit escoitados os episodios anteriores: "Séguense escoitando moitísimo e non só en Galicia, senón en todas as comunidades autónomas de España, e incluso a nivel mundial, como en Noruega, a Arxentina, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Polonia, Rumanía, Brasil, Portugal, Tailandia e Puerto Rico”.
Con respecto ao alumnado, Toni di que “tamén continúan moi motivados e, coa chegada da radio, están colaborando máis nenos e nenas, polo que tamén sacamos un novo programa de ‘Refráns, adiviñanzas e chistes a domicilio’, unha proposta do centro que coordino eu, e no que cada alumno ten que dicir un refrán, adiviñanza ou chiste que se grava coa nova radio. Logo, subímolo á web da radio escolar e os nenos escóitano coas súas familias”, explica Toni.