O colexio de Samos será mellorado coa incorporación dun segundo parque infantil
Desde a Anpa do Ceip de Samos, conxuntamente coa dirección do centro educativo e a colaboración do Concello, están impulsando diferentes iniciativas para mellorar o colexio.
Para comezar, desde a Anpa, informan sobre que se pintou unha aula e en verán pintarase outra, así como se construirá un novo espazo dedicado á lectura e o ocio, con espazo de xogo.
Por outra parte, colocáronse uns vimbios aos que, cando crezan, se lles dará forma de cabana para promover un espazo cuberto e que dea sombra para os nenos e as nenas, que tamén contarán cunhas mesas e bancos para desfrutar da zona exterior do centro educativo.
Pero, o máis significativo, é que grazas á colaboración do Concello de Samos e da área de Mocidade da Deputación de Lugo, contarán cunha axuda coa que desenvolverán unha nova zona de parque para os nenos de entre 3 e 12 anos, adaptados ás necesidades de todos.
Por iso, tamén colaboran coa Plataforma Diversa da Comarca de Sarria, que axuda a seleccionar os elementos necesarios que debería conter o parque, como un bambán niño redondo, un balancín con respaldo e algúns paneis.
E isto non é todo. Tamén teñen planeado colocar unha especie de viñedo de ferro para plantar plantas de kiwis e uns bancais de madeira na horta “para poñelo todo bonito” e, ao lado, as mesas e cadeiras para que os usen os nenos e nenas. Tamén queren levar a cabo arranxos na horta a través dalgúns obradoiros.
Por último, desde a Anpa sosteñen que farán todo o posible para que este ano os nenos e nenas de Samos conten, de novo, con campamento de verán, que será gratuíto para as familias socias da Anpa e cun custo simbólico para as que non o son.