O concello acondiciona o pavimento na entrada da ruta xacobea por Vigo de Sarria
Véñense de realizar melloras de acondicionamento na entrada do Camiño de Santiago pola rúa Vigo de Sarria grazas a unha axuda de Turismo de Galicia da que se beneficia o concello de Sarria.
Co fin de arranxar as infraestruturas que se atopan aos arredores desta rúa realizáronse traballos en dous tramos da senda paralela á estrada LU-P-5602 que empregan os peregrinos e que se atopan nas proximidades da área de descanso.
As obras contaron cun orzamento de máis de 20.000 euros, dos cales 15.000 procederon da subvención e o resto foron financiados con fondos municipais.
Segundo recolle o proxecto, o obxectivo principal das obras de acondicionamento foi o de actuar sobre os pavimentos para integralos mellor na contorna, nunha zona do Camiño que discorre dentro de chan rústico e de tipoloxía residencial extensiva na que non existen edificios de vivendas colectivas ou en bloque, manténdose unha paisaxe con edificacións dispersas de baixa altura e vexetación autóctona.
Entre os traballos que se realizaron destacan os de desbroce selectivo, limpeza do terreo, explanación e aplicación de xabre compactado para solucionar as patoloxías e a falla de conservación nos pavimentos existentes, a mellora do acceso, o aspecto exterior e o desfrute dos usuarios. Tamén se evitaron os danos provocados polo mal tempo no acceso dos peregrinos ao casco urbano de Sarria.