O Concello comezou os traballos de sinalización vial horizontal en máis de medio cento de rúas da vila de Sarria
O Concello de Sarria comezou os traballos de mellora da sinalización vial horizontal en máis de medio cento de rúas da vila, que incluirán o repintado das marcas na calzada e dos pasos de peóns, a sinalización das prazas de estacionamento reservadas para minusválidos, e a sinalización das zonas de carga e descarga, de ambulancias e para as paradas dos autobuses.
O concelleiro de Mobilidade e Ordenación do Tráfico, Félix Seijas, precisou que estas tarefas, que contan cun orzamento de 41.765 euros, prolongaranse durante días, “sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan”, polo que pediu desculpas ante as posibles molestias que se poidan ocasionar. Ademais, solicitou á veciñanza e aos condutores que respecten as indicacións dos axentes da Policía Local para facilitar o desenvolvemento dos traballos e minimizar a incidencia sobre o tráfico.
Segundo explicou o edil, esta mellora da sinalización vial desenvolverase nun total de 54 rúas, con tres niveis de actuación: no primeiro grupo atópanse 10 rúas (rúa Liberdade, rúa Nova, rúa Gran Vía Alfonso IX, rúa das Insuas, rúa Xoán Montes, rúa Pascual Veiga, rúa Castelao, rúa Pombal e rúa Formigueiros) nas que se pintará a totalidade das marcas horizontais e dos pasos de peóns; no segundo grupo inclúense 29 rúas nas que se pintarán os pasos de peóns e as liñas da calzada; e no terceiro grupo están 15 rúas nas que só se pintarán os pasos nas zonas máis deterioradas.
Ademais, dentro do proxecto tamén se acometerá a instalación de bolardos a carón dos pasos de peóns máis perigosos coa finalidade de que os vehículos non poidan estacionar preto deles, o que permitirá mellorar a visibilidade e incrementar a seguridade.
RESPONSABILIDADE DOS PEÓNS
Por último, o concelleiro de Mobilidade e Ordenación do Tráfico apelou á responsabilidade e precaución dos peóns para cruzar as rúas pedíndolles que o fagan polos pasos sinalizados, coa finalidade de minimizar o risco de atropelos. Ademais, lembroulle aos condutores que a velocidade máxima permitida nas rúas do centro urbano é de 30 Km/h.