O Concello de Láncara contará cunha glorieta de acceso á Pobra de San Xiao
O Concello de Láncara adxudicou a obra de "construción da glorieta na LU-546, punto quilométrico 12+230 de acceso ao núcleo da Pobra de San Xiao".
A Dirección de Obra recaerá no Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, Marcos Díaz-Becerra Martínez, que conta cunha dilatada experiencia neste tipo de proxectos, e as obras comezarán a finais de xaneiro.
A empresa Ovisa Pavimentos y Obras foi a que obtivo a puntuación máis alta entre as tres que se presentaron, e polo tanto será a encargada de acometer os traballos que terán unha duración máxima de 4 meses.
A obra adxudicouse mediante concurso aberto por un total de 289.795 € IVE engadido, o que supón un aforro de máis de 38.000 € sobre o orzamento previsto.
O alcalde de Láncara amósase satisfeito da rapidez ca que se tramitou todo o expediente administrativo e insiste en que a Xunta de Galicia ten un compromiso moral con Láncara que aínda non materializou e empraza a administración autonómica a cumprir coas súas promesas.