O Concello de Láncara destina 60.000 euros para mellorar un acceso á praia fluvial da Pobra de San Xiao

O Concello de Láncara vén de sacar a licitación os traballos de mellora dun dos accesos á praia fluvial da Pobra de San Xiao.
A intervención, que se financiará con cargo ao Plan Deputación, contempla un investimento de arredor de 60.000 euros e permitirá acondicionar un tramo da Rúa Adolfo Suárez, concretamente entre os cruzamentos coas rúas Neira e Alfonso Cela.
O proxecto contempla a renovación das canalizacións de servizos básicos como saneamento, abastecemento de auga e instalacións eléctricas e de comunicacións, mellorando a infraestrutura existente e incrementando a súa eficiencia. A superficie sobre a que se actuará abrangue algo máis de 1.000 metros cadrados.
Tamén se contempla a reorganización dos pavimentos, coa creación de zonas diferenciadas para o tránsito de vehículos e peóns. Prevese o uso de formigón desactivado para as zonas de paso de vehículos e un pavimento permeable decorativo nas áreas peonís, co obxectivo de garantir maior durabilidade e reducir o mantemento futuro.
En canto ao alumeado público, instalaranse luminarias de baixo consumo para facer a zona máis eficiente enerxeticamente. As obras teñen un prazo de execución de dous meses e están cofinanciadas pola Xunta a través do plan Silex da Consellería de Facenda.