O Concello de Láncara destinará máis de 25.000 euros para a celebración de festas nas parroquias

O Concello de Láncara anunciou a convocatoria de axudas en especie para apoiar a organización das festas patronais nas parroquias do municipio durante o ano 2025.
Esta medida está dirixida a asociacións veciñais, culturais e comisións de festas que desexen mellorar e facilitar a organización dos eventos festivos nas súas respectivas parroquias.
As axudas cubrirán varios gastos fundamentais para a celebración das festas, como o alugueiro, transporte, montaxe e desmontaxe de escenarios e carpas. Tamén se financiará o alugueiro, instalación e mantemento de equipos de iluminación e son, así como o alugueiro de xeneradores e a contratación de actuacións musicais. Ademais, parte da partida estará destinada á realización de espectáculos pirotécnicos, como os fogos de artificio.
O Concello de Láncara destina un total de 25.440 euros para apoiar ás parroquias na organización destas celebracións tan representativas da cultura local.
Para máis detalles e consulta da documentación completa, os interesados poden acceder á sede electrónica do Concello a través do seguinte enlace: lancara.sedelectronica.gal.