O Concello de Láncara encarga un informe técnico para avaliar o estado das árbores da praza Edizlo

O Concello de Láncara vén de encomendar un informe técnico a unha empresa especializada en arboricultura para avaliar o estado fitosanitario e estrutural das árbores da praza de Edizlo, na Pobra de San Xiao. Con esta actuación, o goberno municipal busca garantir a seguridade dos espazos públicos e o benestar da veciñanza.
Segundo explicou o alcalde en funcións, Pablo Rivera, "o Concello quere coñecer con exactitude en que estado se atopan estas árbores e se representan algún tipo de perigo para os cidadáns. É fundamental dispor dun diagnóstico profesional que nos permita tomar as decisións axeitadas".
O informe determinará a saúde de cada exemplar, a súa estabilidade estrutural e os riscos potenciais. Ademais, no caso de ser preciso, incluirá recomendacións sobre medidas correctoras, como tratamentos fitosanitarios, podas de seguridade ou, en casos extremos, a substitución dalgunha árbore.
"A seguridade dos nosos veciños é a nosa prioridade", subliñou Rivera, quen incidiu en que a actuación permitirá planificar as medidas necesarias para manter este espazo público en condicións óptimas.
Os resultados do estudo coñeceranse nas próximas semanas e, a partir deles, decidiranse as actuacións que sexan necesarias.