O Concello de Láncara encarga un informe técnico sobre o estado das árbores da Praza Edizlo de A Pobra de San Xiao

O Concello de Láncara vén de contratar un informe técnico a unha empresa especializada en arboricultura para avaliar o estado fitosanitario e estrutural das árbores da Praza de Edizlo, en A Pobra de San Xiao. Esta iniciativa busca garantir a seguridade dos espazos públicos e o benestar da veciñanza.
O alcalde en funcións, Pablo Rivera, explicou que o Concello precisa coñecer con exactitude o estado no que se atopan estas árbores e se representan algún tipo de risco para a cidadanía. "É fundamental dispor dun diagnóstico profesional que nos permita tomar as decisións axeitadas", sinalou.
O informe determinará a saúde de cada exemplar, a súa estabilidade estrutural e o posible risco que poida supoñer. Ademais, incluirá recomendacións sobre medidas correctoras, que poderán ir desde podas de seguridade ata a substitución dalgunha árbore.
Rivera destacou que "a seguridade dos nosos veciños é a nosa prioridade" e subliñou que todas as actuacións se basearán en criterios técnicos profesionais.
O Concello espera dispor dos resultados do informe nas próximas semanas, momento no que se farán públicas as conclusións e se adoptarán as medidas necesarias.