O Concello de Láncara inicia os traballos de mantemento das árbores da praza de Edizlo

SarriaXa
As actuacións obrigarán a pechar ao tráfico a rúa da Estación e parte de Benigno Quiroga, con prohibición de aparcar desde o martes pola tarde
árbores-Praza-Edizlo-Láncara
25 Nov 2025

O Concello de Láncara comezará este mércores, 26 de novembro de 2025, os traballos de mantemento das catro árbores situadas na praza de Edizlo, na Pobra de San Xiao. As intervencións prolongaranse durante varios días, dependendo das condicións meteorolóxicas, e obrigarán a aplicar cortes de tráfico e restricións de aparcamento nas rúas próximas.

Por motivos de seguridade, a rúa da Estación permanecerá totalmente pechada á circulación, mentres que un tramo da rúa Benigno Quiroga tamén estará cortado durante o desenvolvemento dos traballos. Ademais, queda prohibido o aparcamento en ambas as vías desde o martes 25 pola tarde para permitir o uso de maquinaria especializada e o desprazamento do persoal encargado das tarefas en altura.

O Concello explica que estas intervencións son necesarias para garantir a conservación óptima das árbores e a seguridade tanto dos operarios como dos veciños. Por iso, recomenda retirar os vehículos das zonas afectadas antes do martes á noite, empregar rutas alternativas mentres duren as obras e respectar a sinalización colocada polo persoal municipal.

A administración local pide desculpas polas molestias ocasionadas, pero subliña que estas actuacións son fundamentais para manter en bo estado o patrimonio arbóreo e garantir un entorno seguro para toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.065399885177612