O Concello de Láncara invita a Garzón á feira de Tenreira Galega

SarriaXa
O alcalde de Láncara dirixiuse a primeira hora ao Ministro de Consumo para trasladarlle o seu desacordo coas declaracións feitas.
10 Xul 2021

O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, dirixiuse a primeira hora do xoves ao ministro de consumo, Alberto Garzón, para trasladarlle o seu desacordo coas declaracións feitas. Así pois, convidouno a achegarse o próximo ano á feira de Tenreira Galega, para coñecer de primeira man a realidade do sector e a calidade da carne que se produce nesta zona.

Ademais, o alcalde comprometeuse a facerlle chegar unha degustación desta carne de primeira calidade ao Ministerio, acto no que colaborará a carnicería Pitín de Sarria xunto coa cárnica Champán.

Así mesmo, pola outra parte, o ministro contestou afirmativamente a dita invitación e agradeceu o agasallo do Concello. O obxectivo desta actuación, según Piñeiro, é que se vexa a calidade da tenreira galega, así coma promocionala. Ademais, Piñeiro considera que é fundamental que o ministro rectifique as súas declaracións sobre o consumo de carne polas repercusións que poida ter no municipio onde existen sobre 400 explotacións cárnicas.

Desta maneira, o chuletón enviarase na vindeira semana grazas á carnicería Pitín e a cárnica Champán que tamén trasladaron o seu desacordo en relación as declaracións feitas polo ministro, destacando o modelo que segue Galicia que cumpre a normativa europea. Engadiron tamén o mal momento no que chegan ditas declaracións, despois dun ano no que, a causa da situación, as ventas caeron en picado.

Dende o Concello de Láncara confían en que o agasallo faga que o ministro cambie de opinión e rectifique as súas verbas. Así mesmo, agradecen ás dúas firmas colaboradoras o seu traballo e axuda en dita actuación.

0.1116349697113