O Concello de Láncara licita a mellora de dous camiños rurais cun orzamento de 115.000 euros

O Concello de Láncara vén de sacar a licitación un proxecto para mellorar dous camiños municipais por un importe total de 115.034 euros. A actuación está incluída no Plan Camiña Rural 2025-2026 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que financiará o 77 % do orzamento, mentres que o resto será asumido polo propio Concello.
As obras, cun prazo de execución de quince días, afectarán aos viais de A Pedreira a Souto e do Crescón, cunha lonxitude conxunta de 2,1 quilómetros.
Estes camiños son vitais para o acceso a diversas parcelas agrícolas e explotacións gandeiras dos devanditos núcleos e atópanse nun estado de deterioración importante debido ao tránsito de vehículos pesados e ás condicións meteorolóxicas.
Segundo o proxecto técnico, prevese o reforzo do firme actual e a mellora da seguridade viaria mediante o pintado das marxes.
O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas estará aberto ata as 23.59 horas do vindeiro 17 de xuño, a través da plataforma Silex.