O Concello de Láncara reclama á Xunta un reforzo da liña de autobús Monforte-Lugo en horario escolar

O Concello de Láncara trasladou á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a súa preocupación polas incidencias que se están a rexistrar no servizo de autobús da liña Monforte-Lugo, especialmente no horario escolar das 07:45 horas na parada da Pobra de San Xiao.
Segundo explicou o primeiro tenente de alcalde, Pablo Rivera Capón, en representación da alcaldía, o consistorio leva días recibindo queixas continuas de veciños e estudantes que utilizan este transporte público. O principal problema é a saturación do servizo, xa que o autobús vai cheo case todos os días, o que obriga a deixar fóra a moitos usuarios, incluídos menores de idade, que non poden viaxar por falta de prazas.
Noutros casos, ao non quedar asentos dispoñibles, permítese que algúns pasaxeiros viaxen de pé, unha situación que consideran perigosa. Isto obriga a que moitos pais e nais teñan que levar aos seus fillos en coche particular, co conseguinte trastorno para as familias traballadoras.
O Concello considera que a capacidade actual do servizo non é suficiente para atender a demanda existente e insiste en que os mozos e mozas teñen dereito a un transporte público seguro e axeitado para acudir aos seus centros educativos.
Por iso, o goberno local solicita á Xunta tres medidas: reforzar de inmediato a liña no horario escolar, garantir mentres tanto que todos os pasaxeiros viaxen sentados e en condicións de seguridade, e informar das actuacións previstas e os prazos para solucionar este problema.