O concello de Paradela acolle á Orde do Camiño de Santiago
A Orde do Camiño de Santiago vén de celebrar esta fin de semana un acto en Paradela, onde auguran un gran crecemento para a ruta xacobea.
Estas reunións teñen como obxectivo que os pobos pequenos polos que pasa o Camiño Francés coñezan ben a historia e aprendan a poñer en valor os seus recursos para estar mellor preparados para atender aos peregrinos.
O acto, que tivo lugar no centro sociocultural Manuel Oreste Rodríguez, está incluído dentro do programa Coñece os Camiños que este ano celebra a súa terceira edición, e alberga tres conferencias.
Cada unha destas xornadas que conforman Coñece os Camiños, consta dun panel de conferencias sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo, unha actuación folclórica e musical, seguida dunha degustación gastronómica de produtos da localidade e unha visita cultural aos lugares máis emblemáticos de cada zona.
A reunión incluíu unha actuación musical e, trala comida, os asistentes tiveron unha visita pola capela de Santa María do Loio para recordar o mosteiro onde naceu a Orde dos Cabaleiros de Santiago.
Pode consultarse a información completa e a programación das futuras actividades na web www.ordendelcaminodesantiago.es e en redes sociais.