O Concello de Paradela agasalla cun lote de produtos básicos á primeira nena nacida neste 2025

O Concello de Paradela fixo entrega dun lote de produtos de primeira necesidade á primeira nena nacida no municipio neste ano 2025, nun xesto simbólico de benvida e apoio ás familias que aumentan a veciñanza da localidade.
A alcaldesa Montserrat Mulet Sar foi a encargada de facer entrega do agasallo a Raúl Fernández e Berta Díaz, veciños da parroquia de Fruxinde (Ferreiros), orgullosos pais de Zoe Fernández Díaz, a recén chegada, que se converte así na primeira bebé paradelense do ano.
O lote inclúe diversos artigos esenciais para o coidado e benestar da pequena, como parte dunha iniciativa do Concello que busca apoiar ás novas familias e visibilizar a importancia do relevo xeracional no rural.
Desde o goberno local destacaron que este tipo de accións forman parte dun compromiso máis amplo co apoio á natalidade e á conciliación da vida familiar, especialmente nun contexto de reto demográfico como o que viven moitos concellos do interior de Galicia.