O Concello de Paradela aproba un orzamento de 1.839.000 euros para 2026

O Concello de Paradela deu luz verde ao orzamento municipal para 2026, que ascende a 1.839.000 euros, unha cifra algo inferior á consignada para este ano, que fora de 1.860.000 euros.
As contas inclúen tarefas de mellora na rede viaria municipal, actuacións que se financiarán a través do Plan Deputación, o programa Aprol Rural e fondos propios do municipio. A repartición concreta destas partidas irase definindo ao longo do exercicio.
As previsións económicas para 2026 manteñen un carácter continuísta e experimentan unha lixeira baixada debido á diminución dos ingresos municipais. Con todo, o documento si incorpora un incremento en tres subvencións nominativas á SD Paradela, á asociación xuvenil de Castro de Rei de Lemos e á Asociación de Veciños de Vilaragunte.
Un dos obxectivos do goberno local é seguir impulsando o polígono industrial coa intención de atraer novas empresas. Tamén pretende reforzar os servizos do colexio San Miguel de Paradela e continuar apoiando tanto a Feira de Ano como a Festa de San Isidro.
Ademais, o orzamento incorpora fondos para acondicionar as dúas vivendas situadas na planta superior das antigas escolas, co propósito de incorporalas ao mercado de alugueiro. O Concello solicitará unha subvención á Consellería de Vivenda e confía en poder executar as obras ao longo de 2026. As vivendas atópanse nun estado de deterioro, polo que a prioridade é rehabilitalas e poñelas en alugueiro ante a actual escaseza de vivenda no municipio.