O Concello de Paradela celebra a Feira de San Isidro 2025 con maquinaria, tradición e música

SarriaXa
O evento terá lugar no recinto feiral do municipio e contará coa colaboración da Asociación de Mulleres de Paradela e da IXP Ternera Gallega
San-Isidro-Paradela-2024
10 May 2025

O vindeiro domingo 18 de maio, o Concello de Paradela celebrará a súa tradicional Feira de San Isidro 2025, unha xornada festiva chea de actividades para todos os públicos que poñerá en valor o mundo rural, a tradición gandeira e os produtos locais.

O evento terá lugar no recinto feiral do municipio e contará coa colaboración da Asociación de Mulleres de Paradela e da IXP Ternera Gallega.

Durante todo o día desenvolveranse dúas grandes citas en paralelo: a Feira de Maquinaria Agrícola e a Feira de Artesanía, que abrirán as súas portas ás 11:00 horas.

Previamente, ás 10:30 horas, está prevista a chegada do gando ao multiusos e a apertura da exposición gandeira, na que se poderán ver exemplares de distintas especies.

Ás 12:00 horas, a Charanga de Paradela animará a mañá coa súa música e, xa pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase un vistoso desfile de carros, gando e cabalos do país, acompañado pola Banda de Paradela, que tamén ofrecerá un concerto ás 19:00 horas.

A noite traerá a parte máis festiva da xornada. Ás 20:00 horas actuará a orquestra Los Satélites, seguida ás 21:00 horas dunha degustación de Tenreira Galega Suprema, pan de Paradela e viño da Ribeira Sacra. A festa concluirá ás 23:00 horas cunha verbena amenizada novamente por Los Satélites.

A Feira de San Isidro de Paradela é unha cita ineludible para veciños e visitantes que desexen gozar da tradición, da boa música e da mellor gastronomía galega nun entorno rural acolledor e festivo.

⚙ Configurar cookies
0.13929295539856