O Concello de Paradela estuda a recuperación de soutos e viñedos

SarriaXa
Concello e Xunta traballarán para poñer en valor o Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira, que conta con 437 hectáreas de extensión
souto
10 Mar 2021

O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, reuniuse este martes co conselleiro de Medio Rural, José González, ao que lle transmitiu as necesidades do agro no municipio co ánimo de avanzar na recuperación e posta en valor dos seus terreos para potenciar os tres usos do solo: agrario, gandeiro e forestal.

No encontro, o conselleiro solicitou ao rexedor local información sobre as zonas de localización de soutos de castiñeiros dentro do termo municipal de Paradela, con vistas a delimitar os seus perímetros e "recuperar esa riqueza" para os veciños. Así, a Xunta e o Concello traballarán para poñer en valor o Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira, que conta con 437 hectáreas de extensión, co fin de aproveitar as posibilidades que ofrece, especialmente pola riqueza dos seus soutos. Tamén se exploraron as oportunidades que ofrece o territorio municipal para o cultivo do viño na denominación de orixe Ribeira Sacra, dentro da subzona de Ribeiras do Miño.

Outro dos asuntos tratados foi a posibilidade de poñer en marcha un polígono agroforestal arredor do núcleo de Aldosende, o que permitirá proceder á actualización do catastro e á reorganización da propiedade para destinar os terreos a actividades gandeiras.

En relación co aproveitamento forestal, na reunión abordouse tamén a posible inclusión dalgún dos soutos do municipio no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Este trámite permite aos titulares deses terreos ter prioridade nas axudas públicas para a mellora silvícola das masas, así como beneficiarse de vantaxes fiscais na súa xestión.

Os responsables da Consellería tamén se referiron aos traballos de loita biolóxica fronte ao cancro e a avespiña do castiñeiro, de gran importancia para un concello cunha clara vocación na xestión e posta en valor dos aproveitamentos forestais dos soutos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15506386756897