O Concello de Paradela estuda os hábitos de mobilidade no municipio

SarriaXa
Activou unha enquisa na súa web para coñecer os hábitos de mobilidade dos veciños, dentro da redacción do Plan de Mobilidade Sostible
plan mobilidade paradela
12 Feb 2021

O Concello de Paradela vén de poñer en marcha un proceso para a recollida de información sobre os hábitos de mobilidade dos veciños e veciñas do municipio, dentro da redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. Para tal fin, o goberno local subiu á páxina oficial do Concello un cuestionario que servirá para analizar esas condutas, pero tamén para recibir propostas e demandas.

A enquisa estará aberta ata o vindeiro 28 de febreiro, un prazo no que as persoas interesadas poderán tamén facer chegar as súas suxerencias a través do correo paradela@plandemobilidade.com.

O Concello e o equipo de técnicos que colaboran na redacción do Plan de Mobilidade garanten o absoluto anonimato da identidade das persoas que participen neste estudo. Unha vez obtidos, os resultados publicaranse na páxina oficial do Concello.

0.13983392715454