O Concello de Paradela fai entrega das dúas Medallas de Ouro concedidas a Rocío Domínguez e Rafael Fernández

SarriaXa
Rocío Domínguez Brea e Rafael Fernández Rodríguez recibirán as dúas Medallas de Ouro outorgadas polo Concello de Paradela o pasado maio polo seu determinante papel para atopar a dúas veciñas desaparecidas o 15 de decembro de 2021.
13 Xan 2023

Rocío Domínguez Brea e Rafael Fernández Rodríguez recibirán as dúas Medallas de Ouro outorgadas polo Concello de Paradela o pasado maio polo seu determinante papel para atopar a dúas veciñas desaparecidas o 15 de decembro de 2021.

No acto, o alcalde, José Manuel Mato Díaz, destacará o papel dos homenaxeados pola súa colaboración e implicación na localización de dúas veciñas de Paradela (nai e filla, de 90 e 65 anos) que saíron en coche do seu domicilio e foron atopadas horas despois desorientadas á beira do río Loio.

Rocío Domínguez, Presidenta da Asociación de Mulleres de Paradela, e Rafael Fernández, Garda Civil de Portomarín, foron distinguidos por iso cunha Medalla de Ouro para cada un que se entregará ás oito do serán no Centro cultural 'Manuel Rodríguez López', acto ao que se invita a todos os paradelenses e que se encadra no marco do Bicentenario do Concello.

Desenvolvemento

O comezo estará marcado pola Marcha solemne do antigo Reino de Galicia e pechado polo Himno Galego, que interpretará un Grupo de músicos da Banda de Paradela, que este 2023 celebra os 150 anos de existencia, dirixido polo titular da agrupación, Martín Vázquez García.

Ademais do director (trombón), actúan Jesús David Álvarez Peña (bombo), José Antonio Salvador López (caixa) e Marisol López Arias (saxo).

Tamén se dará lectura ao acordo de concesión das Medallas de Ouro, entregaranse e os premiados terán que responder.

0.18433690071106