O Concello de Paradela organiza viaxes á praia durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Paradela vén de anunciar a programación das tradicionais Viaxes á Praia Verán 2025, unha iniciativa destinada a promover o ocio e o desfrute do tempo libre entre a veciñanza durante os meses de xullo e agosto.
As saídas realizaranse todos os xoves, con destino a diferentes praias da contorna. No mes de xullo, os lugares elixidos son: Foz (día 3), Riveira (día 10), Ares (día 17), Cedeira (día 24) e Miño (día 31). En agosto, os destinos serán: San Ciprián (día 7), Boiro (día 14), Viveiro (día 21) e Pontedeume (día 28).
A hora de saída será ás 8:30 da mañá diante do Centro Polifuncional Xesús Mato. O prezo varía segundo a situación do participante: as persoas empadroadas en Paradela pagarán 7 euros se teñen máis de 14 anos, mentres que os menores viaxan de balde. No caso de non empadroados, o custo será de 12 euros para maiores de 14 anos e 6 euros para menores.
A comida corre por conta dos participantes, e a actividade está cofinanciada polo propio Concello. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente entre o luns e o mércores anterior a cada viaxe. Non se admitirán anotacións despois das 14:00 h do día anterior á excursión. Para inscribirse, pódese chamar ao 982 541 101.
A asignación de asentos farase por rigorosa orde de inscrición. Os menores de 18 anos que viaxen sós deberán traer autorización asinada polo seu responsable legal.