O Concello de Paradela pon a disposición dos veciños unha enquisa para a elaboración da Axenda Urbana e Rural
O Concello de Paradela pon a disposición dos veciños a través das súas redes sociais o enlace no que os veciños poden colaborar no proceso de elaboración da Axenda Urbana e Rural de Paradela.
Esta enquisa online habilitouse para coñecer as valoracións e opinións da cidadanía sobre os principais retos e problemáticas que consideran que este documento debe abordar, así como para recoller propostas para afrontar os mesmos.
Pódese cubrir esta enquisa a través do seguinte enlace: https://es.surveymonkey.com/r/auparadela_web
Este proxecto é financiado polos fondos Next Generation UE e polo plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no marco da Axenda Urbana de España.
Que é unha Axenda Urbana e Rural?
É un documento estratéxico que trata de abandeirar unha nova visión do urbanismo. Persegue, polo tanto, a consecución de cidades, vilas e pobos sostibles, inclusivos, seguros e resilientes. Concíbese como unha folla de ruta aberta a continuas melloras e reformulacións que implica a todos os axentes, públicos e privados, que interveñen no territorio e buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.
A Axenda Urbana e Rural de Paradela deberá dar resposta ás necesidades particulares do noso municipio, pero incluíndo os compromisos adoptados na Axenda 2030, a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas, a Axenda Urbana para a Unión Europea e a Axenda Urbana Española.