O Concello de Paradela recupera máis de 150 hectáreas de viñedos e soutos

SarriaXa
O Concello de Paradela recuperará máis de 150 hectáreas de viñedos e soutos para dinamizar o territorio e xerar actividade económica
paradela
7 Nov 2022

Co obxectivo principal de dinamizar o territorio e xerar actividade económica, Paradela recuperará no ano 2023 un total de 152 hectáreas de viñedos e soutos e traballará na execución de aldeas modelo.

O que se busca con esta iniciativa, tal e como manifesta o conselleiro de Medio Rural José González que vén de visitar os terreos para a delimitación dos polígonos, “é facilitar que sexa posible vivir no rural e do rural e anticiparse ós lumes evitando que se rexistren ou, en todo caso, minorando os seus efectos”.

Para estas actividades, cóntase cun orzamento total de 4,4 millóns de euros. A recuperación de viñedo levarase a cabo nas parroquias de Loio e Cortes dado que esta zona posúe unha gran riqueza para a viticultura porque se manteñen os bancais en perfecto estado, mentres que a recuperación de soutos levarase a cabo en San Mamede de Castro e San Martiño de Castro, parroquias nas que se recuperaran 55 hectáreas de castiñeiros.

O titular de Medio Rural indicou que “ambos proxectos abranguen unha superficie total de 152 hectáreas enmarcada dentro da denominación de orixe Ribeira Sacra. O das parroquias de Loio e As Cortes é de 80 hectáreas e o de San Martiño de Castro e San Facundo de Ribas do Miño de 72”.

En ambos casos, explicou o conselleiro, “a delimitación destes posibles polígonos contemplan parte de viñedo pero tamén parcelas con prados, cultivos agrícolas e frondosas autóctonas caducifolias. Polo tanto, a súa posta en marcha conlevaría unha importante dinamización económica da contorna”.

Así mesmo, José González sinalou que “o terceiro polígono situarase na parroquia de Castro e abranguerá unha superficie de 55 hectáreas para a recuperación e revalorización de frondosas caducifolias, concretamente de soutos de castiros”. Neste senso, advertiu que se está “estudando con maior detalle a propiedade destes terreos para así poder decidir si é máis doado desenvolver un polígono agroforestal ou unha agrupación de xestión conxunta”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15086603164673