O Concello de Samos prepárase para celebrar as tradicionais festas de San Bieito

O Concello de Samos prepárase para celebrar as tradicionais festas de San Bieito os días sábado 12 e domingo 13 de xullo, cun completo programa de actividades pensado para todos os públicos, que combina gastronomía, música, cultura e entretemento familiar.
A festa comezará o sábado 12 de xullo ás 21:30 horas cunha churrascada e pancetada popular, amenizada pola Louband e o Grupo Eoas de Sarria, garantindo unha noite de boa comida e animación musical.
O domingo 13, a xornada arrincará ás 11:30 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Chantada, que tamén acompañará a misa solemne e procesión ás 12:00 horas polos claustros do Mosteiro de Samos. Ás 13:30 horas, no campo da festa, terá lugar unha sesión vermú con concerto da mesma banda.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, o campo da festa cuberto acollerá un obradoiro de plásticos máxicos, con furgoteca, monitorado e merenda para os máis pequenos. Ás 19:00 horas, será a quenda do concerto do recoñecido artista Xabier Díaz, que actuará ata as 20:30 horas.
A partir das 21:00 h, a verbena estará a cargo da orquestra Los Players, seguida ás 23:30 horas pola actuación de DJ Casanova, poñendo o broche final a unhas festas cheas de música e alegría.
A celebración conta coa colaboración do Concello de Samos, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, entre outras entidades, e inclúe tamén unha novena dende o venres 4 ata o sábado 12 de xullo ás 19:30 horas.