O Concello de Sarria abre a inscrición nos cursos de natación para este verán

O Concello de Sarria vén de abrir o prazo de inscrición para os cursos de natación que se impartirán durante os meses de xullo e agosto na piscina municipal, unha das actividades máis demandadas do verán e que cada ano reúne a participantes de todas as idades.
As sesións desenvolveranse por quincenas, ofrecendo catro períodos distintos: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto.
Os cursos estarán organizados en franxas horarias de media hora entre as 12:30 e as 14:30, con niveis adaptados a todas as idades e capacidades: desde iniciación e perfeccionamento infantil ata grupos específicos para adultos, tanto en nivel medio como de iniciación.
A última franxa, de 14:00 a 14:30, estará dirixida especialmente a nenos e nenas de 3 a 4 anos en nivel de iniciación, así como a persoas adultas que queiran mellorar ou iniciarse na natación.
As inscricións poden formalizarse no Centro Deportivo e de Saúde do Concello de Sarria, onde tamén se ofrece información detallada sobre os cursos. Para máis consultas, o número de teléfono habilitado é o 982 531 039.