O Concello de Sarria aproba unha modificación de crédito por valor de 1,2 millóns de euros
O Concello de Sarria vén de aprobar unha modificación de crédito por valor de 1,2 millóns de euros coa intención de pagar as facturas pendentes e abonadas co cargo ao remanente de tesouraría do ano anterior cos votos a favor dos concelleiros de Camiña Sarria e a abstención do resto de partidos políticos.
Porén, Efrén Castro, do BNG, indicou que “o Goberno local debe mellorar na tramitación do gasto”, e o portavoz socialista Benjamín Escontrela criticou a “falta de control do gasto” que aparece nos informes de Intervención. Pola súa parte, Carmen José López rexeitou os recoñecementos extraxudiciais de facturas porque, di, “evidencian unha xestión irregular e incluso a partición de contratos para ir a outros de menos contía, sen ter en conta a obriga de actuar con transparencia”.
Pola súa parte, o alcalde, Claudio Garrido lembrou que o Partido Popular na súa estadía no Goberno local propuxera unha modificación de 1,9 millóns de euros para afrontar débedas, polo que defendeu que “este tipo de accións son unha constante nos gobernos municipais porque son necesarias para asumir desembolsos que non estaban previstos no orzamento”.
Ademais, Escontrela acusou ao alcalde de “acumular facturas” e a “ausencia total de procedementos de contratación” tras aprobar a modificación de crédito por valor de 55.617 e 22.396 euros financiadas, tamén, mediante o remanente de tesouraría.
Máis cambios nas taxas
Por outra parte, o Concello de Sarria tamén aumentará as taxas da escola municipal de música por levar moitos anos desactualizadas. Así, os ingresos anuais, de 31.000 euros, cubrían o 16 % dos gastos que xeraba, de 180.000 euros. Por iso, os prezos serán de 10 euros mensuais para as clases de linguaxe musical e movemento e de 20 euros mensuais para as clases de instrumentos e canto. Ademais, as xornadas formativas terán un custo de 30 euros e os cursos e talleres de 60 euros. Así, a idea é aumentar os ingresos ata os 53.000 euros, sendo a entidade a que cubra o 30 % dos gastos xerados e o Concello asuma o resto, o 70 %.
Aínda que a proposta foi aprobada, os distintos partidos políticos amosaron distintas opinións, xa que os socialistas, por exemplo, apuntaron a bonificar ao alumnado que curse dous instrumentos, mentres que o BNG cre que é “unha suba importante” pero valorou que se fixera unha proposta intermedia para o ben das familias. Pola súa parte, o PP criticou que non se lles tivera en conta para negociar dita suba.
Finalmente, o pleno aprobou tamén as taxas do servizo de comedor da escola de Educación Infantil Xela Arias, sendo a nova taxa de 2,32 euros por comida e día aos usuarios fixos e de 3 euros aos esporádicos.
Máis temas tratados no pleno
O portavoz socialista, Benjamín Escontrela, votou a favor dunha moción presentada polo PP na que pedía crear unha comisión de seguimento sobre a herdanza de Manuel Sobrado que deixou ao Concello valorada en 2 millóns de euros.
A proposta saíu adiante porque o BNG se abstivo, aínda que non votou a favor, porque Efrén Castro sostivo que “esa comisión non aporta moito porque os fins da herdanza están claros e calquera decisión debe debaterse en pleno”.
Para Carmen José López, o concepto de fins sociais “é moi amplo e sería bo que a utilización dos fondos se aprobe por consenso e coa colaboración de todos os grupos políticos para darlle un uso axeitado da herdanza”.
Tamén, durante o pleno, ratificáronse os festivos para o ano 2025, que serán o 24 de xuño, San Xoán, e o 8 de setembro, día dos Remedios.