O concello de Sarria contribuirá na reforma da residencia de maiores e do cemiterio do municipio
Véñense de aprobar en xunta de goberno varias propostas da alcaldía que contemplan modificacións nas instalacións tanto da residencia de anciáns do concello coma no cemiterio municipal.
Ambas actuacións saíron a licitación o pasado mes de xuño pero quedaron desertas ante o incremento no prezo dos materiais. E non foi ata o de agora, logo dunha modificación que implicou un aumento do crédito, cando foron aprobadas.
Os fondos para a residencia de maiores Nosa Señora do Carme serán asignados principalmente a cubrir os gastos de funcionamento diario e realizar obras de renovación na cuberta, co obxectivo de eliminar as filtracións da auga e mellorar a eficiencia enerxética.
Estes traballos foron sacados a contratación por 177.468 euros, cantidade que se viu incrementada en 36.000 euros.
Por outra banda, no cemiterio municipal, faranse 80 novos nichos, un almacén e mellorarase a urbanización da zona. As sepulturas situaranse na plataforma que quedou na explanada da parcela, dando por finalizada a última ampliación da necrópole que comezou a executarse o pasado ano. A actuación do cemiterio saíu a licitación en 89.995 euros, ao que se lle sumarán outros 15.000 euros.