O Concello de Sarria convoca o XXV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

SarriaXa
A obra gañadora recibirá un premio económico de 6.000 euros, ademais de ser publicada pola Editorial Espiral Maior, unha das máis recoñecidas no ámbito poético galego
premio-Fiz-Vergara-Ergueitas-Sarria
20 Mar 2025

O Concello de Sarria, coa colaboración da Agrupación Cultural Ergueitas, vén de anunciar a convocatoria da vixésimo quinta edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño.

Este certame, xa consolidado como unha das referencias literarias en Galicia, celebra vinte e cinco anos de compromiso coa poesía en lingua galega e coa memoria de Fiz Vergara Vilariño, unha das voces máis destacadas da literatura do país.

A convocatoria está aberta a todas aquelas persoas que desexen presentar obras poéticas escritas en galego, sen que se valore a escolla ortográfica empregada.

Os textos deberán ter un mínimo de 500 versos e ser orixinais e inéditos, é dicir, non publicados nin premiados previamente; e as obras deberán entregarse en papel, en catro copias, acompañadas dunha plica pechada que conteña os datos da persoa autora.

Os traballos deberán enviarse ao Concello de Sarria, na rúa Maior número 14, código postal 27600. O prazo de recepción permanecerá aberto ata o 9 de maio de 2025.

A obra gañadora recibirá un premio económico de 6.000 euros, ademais de ser publicada pola Editorial Espiral Maior, unha das máis recoñecidas no ámbito poético galego. O fallo do xurado darase a coñecer antes do 28 de novembro de 2025.

Con esta nova edición, o Premio Fiz Vergara Vilariño reafirma o seu papel como espazo de promoción da poesía e da lingua galega, unha homenaxe viva á creación literaria e á palabra poética.

Dende o Concello de Sarria anímase á participación e a seguir enriquecendo este legado cultural que leva un cuarto de século dando voz á poesía.

⚙ Configurar cookies
0.6324610710144