O Concello de Sarria convoca seis concursos de Nadal para a participación da veciñanza

SarriaXa
Poderase participar en todos estes concursos ata o vindeiro día 30 de decembro, agás no de Decoración de Nadal, que puntuará ata o día 8 de xaneiro
concurso-sobremesa-sarria-nadal
16 Dec 2024

O Goberno local de Sarria, no marco das actividades organizadas polo Nadal, convoca seis concursos de Nadal para a participación da veciñanza.

Así, convocan o V Concurso de Deseño e Decoración de Bólas de Nadal 2024, no que haberá dúas categorías, a de 3 a 8 anos e a de 9 a 16 anos. Os premios serán de 250 euros para o primeiro premio, de 200 euros para o segundo, de 100 euros para o terceiro e o cuarto premio será de 50 euros. Tamén está vixente o IV Concurso de Deseño de Postais de Nadal 2024, coas mesmas categorías e premios que o anterior.

Pola súa parte, tamén convocan o II Concurso de Microrrelatos de Nadal ‘Entre parágrafos nevados’, cunha única categoría para maiores de 14 anos, pero cos mesmos premios que os demais concursos. Os microrrelatos deberán ter unha extensión de entre 300 e 500 palabras e deberán comezar pola frase “Aquela mañá, en Sarria, había unha densa néboa”.

Outro dos concursos é o V Concurso de Fotografía de Nadal ‘Desde Sarria con Amor 2024’, na que deberá verse Sarria no exterior e debe aparecer a iluminación instalada con motivo do Nadal. Os premios serán como nos demais concursos; igual que no II Concurso de Sobremesas ‘Un Nadal con sabor’, no que se competirá por ver quen fai o mellor doce do Nadal.

Finalmente, o IV Concurso de Decoración de Nadal terá unha modalidade interior e outra exterior para fachadas, balcóns, ventás, terrazas, xardíns… Neste caso, os premios na decoración interior serán de 200 euros para o primeiro, 150 euros para o segundo e de 100 euros para o terceiro; mentres que os premios pola decoración exterior serán de 450 euros para o primeiro, de 350 euros para o segundo e de 200 euros para o terceiro.

Poderase participar en todos estes concursos ata o vindeiro día 30 de decembro, agás no de Decoración de Nadal, que puntuará ata o día 8 de xaneiro.

0.14916682243347