O Concello de Sarria dá comezo ás actividades de Nadal coa inauguración do ‘Nadal sobre Xeo’
O Concello de Sarria dá comezo ás actividades de Nadal coa inauguración do evento ‘Nadal sobre Xeo’, que terá lugar este sábado, 21 de decembro, ás 11.00 horas na Praza da Vila.
Neste Nadal especial, o Concello busca ofrecer unha experiencia chea de maxia e dinamismo, a través dunha serie de actividades que fomentan o comercio local e a hostelería.
A apertura oficial da pista de xeo e do Mercado de Nadal marcará o inicio das celebracións, que se estenderán ata o 6 de xaneiro de 2025.
A pista de xeo, unha das grandes atraccións, estará dispoñible de forma gratuíta para aquelas persoas que presenten un ticket de compra superior a 5 euros en calquera dos comercios locais adheridos ou en produtos adquiridos no propio Mercado de Nadal.
O obxectivo principal desta iniciativa é incentivar as compras no comercio de proximidade e dinamizar a economía local, creando un ambiente único que combine a diversión e a tradición. A campaña conta coa participación de 94 locais comerciais e hostaleiros que forman parte da iniciativa.
O Concello convida a toda a veciñanza e aos visitantes a disfrutar destas actividades, que ofrecerán unha ambientación especial para celebrar o Nadal en Sarria.