O Concello de Sarria mercou un tractor agrícola para reforzar os labores municipais

SarriaXa
Esta adquisición ten como principal obxectivo optimizar os servizos municipais relacionados coa limpeza e desbroce
tractor-rodada-campo-desbroce
18 Jan 2025

O Concello de Sarria investiu 30.000 euros na compra dun tractor agrícola usado para mellorar os labores de mantemento e limpeza no municipio. O anuncio da licitación publicouse en decembro e foi adxudicada á empresa de Jorge González Rodríguez, que subministrará un modelo Same Silver 130, matriculado no ano 2008 e cunha garantía de 12 meses. Esta foi a única oferta presentada no proceso de licitación.

Esta adquisición ten como principal obxectivo optimizar os servizos municipais relacionados coa limpeza e desbroce das vías de titularidade pública. Ata o momento, estas tarefas realizábanse con medios propios, tanto en persoal como en maquinaria. O novo vehículo permitirá unha maior autonomía e eficiencia nos traballos, especialmente no acondicionamento de camiños rurais e espazos próximos ás edificacións.

O tractor será empregado tamén en tarefas como a limpeza de cunetas, a retirada de vexetación e elementos arbustivos, e a recollida de materiais procedentes do derrubamento de edificacións en mal estado. Estas actuacións son fundamentais para preservar en boas condicións as zonas rurais, mellorar a seguridade viaria e garantir un entorno limpo e accesible. Ademais, facilitará o desbroce en terreos abandonados ou de difícil acceso, contribuíndo a unha mellor xestión do espazo público e do medio rural.

0.15802097320557