O Concello de Sarria perde unha axuda de 18.000 por non presentar a documentación
A Deputación de Lugo vén de notificarlle ao Concello de Sarria a perda do dereito a cobro dos 17.666 euros cos que ía subvencionar o soterramento dunha liña eléctrica en Oural por non entregar a documentación correcta.
Os trámites entre o Concello sarriano e mailo ente provincial en relación a esta axuda comezaran xa no ano 2015, sendo a partida aprobada en sesión plenaria da Deputación. No ano 2017, o goberno local sarriano acababa de entregar a documentación que se lle solicitara ao respecto, pero a Deputación comunicáballe que os informes eran erróneos ou deficientes, volvendo a requirir a documentación o ano pasado. Ante a falta de resposta, o ente provincial vén de declarar a perda do dereito ao cobro dos preto de 18.000 euros.
A liña eléctrica de Oural soterrouse no ano 2015, cando se solicitou a subvención. Era unha obra moi demandada polos veciños, polo perigo que a liña podía supoñer ao pasar ao carón dos xogos infantís e do parque biosaudable da localidade. Coa perda agora da subvención, o Concello de Sarria terá que asumir o coste das obras.