O Concello de Sarria pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica
O Concello de Sarria pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica e implanta o colector marrón para a recollida da materia orgánica.
Estas dúas accións complementarias teñen como obxectivo principal reducir a cantidade de lixo que remata en vertedoiro, mellorar a calidade da separación en orixe e fomentar hábitos de reciclaxe máis sostibles.
No caso da compostaxe doméstica, o Concello ofrece gratuitamente composteiros e aireadores, co obxectivo de que as familias con terreo poidan converter os seus residuos orgánicos nun abono natural de alta calidade. "Isto non só supón un aforro na xestión dos residuos, senón tamén un beneficio directo para o solo e as hortas particulares", explican desde o Goberno local.
Ademais, a implantación do colector marrón permitirá recoller de xeito separado a materia orgánica na vía pública. A veciñanza inscrita recibirá unha tarxeta de apertura do colector, un caldeiro de 10 litros para a recollida en casa e paquetes de bolsas biodegradables. Deste xeito, "evítase a mestura dos restos orgánicos co resto do lixo, optimizando a súa xestión e contribuíndo a diminuír a pegada de carbono".
As persoas interesadas en participar en calquera destas iniciativas poden anotarse a través da web ou contactar co Concello para obter máis información.
"O éxito desta aposta ambiental depende da implicación activa da cidadanía, que coa súa participación axudará a construír un futuro máis sostible e respectuoso co medio ambiente", conclúen.