O Concello de Sarria pon en valor a carga simbólica representada no cartel das festas do San Xoán

O Concello de Sarria pon en valor o cartel das festas de San Xoán 2025, unha obra realizada polos creativos Marcos Pombo, Paula Pardo e Xurxo López, que destaca por un deseño transgresor, de gran forza visual e profunda carga simbólica, coa que se busca reivindicar a identidade local, a tradición e o espírito do pobo sarrián.
O cartel preséntase cun fondo amarelo moi chamativo, unha cor que, como lembrou o Concello, tamén remite ao Camiño de Santiago, fortemente ligado á historia e cultura da vila.
No centro da composición figura a torre da Fortaleza envolta en chamas brancas, un xiro simbólico que os autores explicaron como unha maneira de expresar a dimensión máis espiritual do lume: “Como o cartel vai un pouco sobre o espírito do pobo, das cantareiras, da transmisión oral, pareceunos que o branco era unha cor máis espiritual para representar o lume”.
A obra compleméntase cunha ornamentación de herbas e flores de San Xoán, dispostas arredor da torre, evocando a tradición de recollelas na noite do 23 de xuño para deixalas ao orballo e aproveitar as súas propiedades purificadoras e protectoras, como lembrou a concelleira Geni Valcárcel durante o acto.
Un dos elementos máis destacados do cartel é a frase que o preside: 'Entre lume e cantar xorde o espírito do pobo', unha declaración que une dous símbolos esenciais da identidade local: a torre, ligada á Revolta Irmandiña, e as cantareiras, que representan a forza da música tradicional e a transmisión oral.
Os autores subliñaron que se trata dun traballo feito “desde o corazón e para o pobo”, e que nace co desexo de emocionar, conectar e poñer en valor a historia e as raíces sarriás.
O Concello de Sarria agradeceu o compromiso e a implicación desinteresada dos tres creativos, salientando o seu talento e a súa dedicación ás festas e á cultura local.