O Concello de Sarria presenta a súa programación cultural para febreiro

SarriaXa
Con esta ampla oferta de actividades, o Concello de Sarria aposta por un mes de febreiro cheo de cultura
Casa-da-Cultura-Sarria
31 Jan 2025

O Concello de Sarria deu a coñecer a programación cultural para o mes de febreiro, que incluirá unha ampla variedade de actividades para todos os públicos, desde teatro e contacontos ata concertos e presentacións literarias.

O mes arranca o domingo 2 coa representación teatral Contos que foron chiste de Avelino González, ás 20.00 horas na Casa da Cultura. O venres 7 será a quenda da literatura infantil, cunha sesión de Contos para todos da man de Noelia Porto, primeiro ás 11.00 horas no CAPD de Sarria e despois, ás 16.00 horas, na Residencia Nosa Señora do Carme.

O sábado 8, ás 11.30 horas na Casa da Cultura, celebrarase unha charla sobre transmisión de herdanzas e patrimonios ás persoas con discapacidade. O domingo 9 regresará o teatro ao escenario municipal con Toc Toc de Fegateatro, tamén ás 20.00 horas.

O venres 14, a programación continuará cunha masterclass e presentación de trompetas ás 17:00 horas na Casa da Cultura, seguida ás 20:00 horas da presentación da novela A muller do muro de Manuel F. O sábado 15, repetirase a sesión de trompetas ás 17.00 horas na Casa da Cultura, mentres que ás 20:00 horas a Igrexa do Rosario acollerá un concerto da Banda de Música de Sarria xunto a Juan Lois.

O venres 21, ás 17.30 horas, o público poderá gozar da obra teatral Tarabela de Creativa, e o domingo 23, á mesma hora, Dani Blanco presentará Absurdia na Casa da Cultura. Do luns 24 ao venres 28, a Escola de Música de Sarria (ESMUSA) ofrecerá audicións ás 17.30 horas, tamén na Casa da Cultura.

Para rematar a programación, o domingo 2 de marzo as rúas do Concello de Sarria encheranse de cor e alegría coa tradicional Cabalagata de Entroido, prevista para as 17.00 horas.

Con esta ampla oferta de actividades, o Concello de Sarria aposta por un mes de febreiro cheo de cultura, animando a veciños e visitantes a participar e desfrutar das distintas propostas.

0.16010689735413