Actividades musicais, teatrais e culturais para o mes de agosto na vila de Sarria
O Concello de Sarria presenta a súa programación cultural para o mes de agosto, incluíndo nela actividades musicais, teatrais e culturais.
Desta maneira, para o día de hoxe, 31 de xullo, acollerá o programa ‘Música vs espazos’ na Casa da Cultura e o venres 2 de agosto Ars Principia encherá de música o Mosteiro da Madalena ás 18.30 horas.
Pola súa parte, do 1 ao 4 de agosto celebrarase o Sarria Blues no Camiño e o Verbena Fest terá lugar tamén o sábado 3 de agosto, enchendo de actividades a fin de semana.
Xa a semana seguinte, o día 7, representarase no Malecón a Fraga dos Mouros ás 20.00 horas, mentres que o sábado 10 haberá unha xuntanza de Peleriños na praza da Vila e o domingo no Malecón estará a Ciencieneta a partir das 19.30 horas.
A seguinte semana, o Malecón acollerá o día 14 a Peque Disco MocMoc, o día 17 Uxía Lambona e a Banda Molona, e o mércores 21 a actuación de Vilatriste a Vilalegre, todas elas ás 20.00 horas.
Finalmente, do 22 ao 25 de agosto celebrarase o Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, o 28 representarase no Malecón Brinca Vai!, e do 30 ao 1 de setembro terá lugar a Noite Meiga de Meigas e Trasgos.