O Concello de Sarria presenta un amplo programa de actividades con motivo do 25N
A Concellería de Igualdade do Concello de Sarria, representada por Isabel Vergara, presenta o programa de actividades con motivo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller "co compromiso de seguir xuntando esforzos na sensibilización, na prevención e na erradicación da violencia cara ás mulleres".
Baixo o lema 'Voa alto, voa libre', desde o Goberno local sarriao mostran como símbolo o papel das mulleres "que queremos na sociedade actual", e que presidirá os actos de conmemoración do 25N.
A concelleira de Igualdade incide na necesidade de abordar a sensibilización e a prevención da violencia de xénero desde o ámbito escolar. "Tendo en conta que a educación constitúe unha das áreas prioritarias de intervención na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero, e que a igualdade tamén se aprende, se ensinamos igualdade, avanzaremos na redución do grave problema social que hoxe é a violencia contra as mulleres, límite máximo da desigualdade", sostivo a concelleira.
Por iso, o Concello de Sarria desenvolverá desde o xoves 21 ata o luns 2 de decembro, actividades co alumnado de todos os centros educativos.
Nesta ocasión, a proposta vai destinada non só ao alumnado de Educación Secundaria, senón tamén ao de Educación Infantil e as primeiras etapas de Educación Primaria.
Ademais, desde o luns 19 ata o luns 25 de novembro, as monitoras e monitores do Programa Sarria Concilia desenvolverán obradoiros de decoración, arte, pintura e fotografía nos que, a través da imaxe dunha bolboreta, símbolo das irmás Mirabal (coñecidas como as Bolboretas) que morreron por loitar pola liberdade da muller na República Dominicana, traballarán coas nenas e nenos distintos conceptos en prol da igualdade e da prevención da violencia de xénero, para que as e os máis pequenos se convertan na semente do cambio.
A programación completa
A primeira actividade será o obradoiro de educación en igualdade 'O mundo de cores de Roque e Lía', impartido pola pedagoga viguesa Paula Suárez, autora da obra literaria infantil en galego, un conto que será o eixe central do seu obradoiro e que, polo seu valor na temática da igualdade, xa está incluído no 'Proxecto maletas viaxeiras' contra a violencia de xénero (MAVI) da Subdelegación do Goberno de Pontevedra e de Coruña. Esta actividade desenvolverase o xoves 21 no CEIP Frei Luís de Granada, o venres 22 na EEI Xela Arias e CEIP Antonio Fernández de Oural e o luns 25 de novembro no CPR Plurilingüe Nosa Sra da Asunción e A Merced.
A seguinte actividade será a posta en escena da obra de teatro social 'Bolboretas Negras', dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO dos CPR Plurilingüe A Merced, Nosa Sra da Asunción e dos IES Gregorio Fernández e IES Xograr Afonso Gómez o 22 de novembro. Esta proposta de teatro foro, da compañía Dinamia Teatro, sobre a violencia machista na xuventude, promove un debate participativo e dinámico a través dunha escena teatral. Ambas actividades (obradoiro e teatro) están financiadas con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, destinados ás EELL.
Xa o domingo 24 de novembro, a Casa da Cultura-Biblioteca Camilo Gonsar do Concello de Sarria acollerá o 'Obradoiro de Arte colaborativa en conmemoración do 25N', coa colaboración do club de lectura e destinado a todo o público en xeral. Terá lugar ás 17.00 horas e será un espazo de encontro no que as persoas que conforman o club de lectura, xunto as e os participantes no obradoiro, decorarán pezas de cerámica ás que lle porán un título ou slogan. As pezas decoradas formarán parte dunha exposición. Ademais, rematarán a xornada do obradoiro plantando unhas flores, en conmemoración ao 25N, co slogan "as flores de vivas non de mortas". Finalmente, ás 20.00 horas terá lugar a proxección de ‘Madame Curie’.
Xa o propio 25 de novembro ás 13.30 horas na Casa do Concello terá lugar a lectura do Manifesto en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A lectura será realizada pola Concelleira de Igualdade.
A última actividade será na primeira semana de decembro e consistirá nunha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual a cargo de María Angélica Mercado Torres, mestra especializada en xénero e igualdade, e dirixida ao alumnado de BAC dos IES do Concello de Sarria. Esta abordará a prevención das agresións sexuais e a violencia sexual entre a mocidade, e se reflexionará sobre o bo trato nas primeiras relacións, a identificación das tipoloxías de violencias sexuais, como evitar ditas agresións, incidindo na importancia dunha educación afectivo-sexual alternativa á pornografía. A actividade está financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a VX da Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).