O Concello de Sarria proxecta un parque acuático e a ampliación da zona verde do Chanto

O Concello de Sarria ten planificado destinar 130.000 euros para a adquisición de varias parcelas na zona do Chanto para a creación dun parque acuático e a ampliación da superficie verde vinculada ás piscinas exteriores.
A leira máis grande, de 4.448 metros cadrados, dos cales unha parte é edificable e o resto ten consideración de solo dotacional, linda coa rúa Celso Emilio Ferreiro e atópase ao carón das piscinas exteriores.
O goberno local sinala que o obxectivo é dotar á vila dun parque acuático, compromiso incluído no programa electoral de Camiña Sarria, e mellorar a zona verde para o uso da cidadanía.
O alcalde, Claudio Garrido, e o edil de Deportes, Félix Seijas, destacaron que “a orografía desta parcela presta condicións idóneas para levantar un bo parque acuático” e que o propósito é que tanto nenos como maiores dispoñan de espazos modernos e dinámicos nos que poidan xogar e gozar do tempo libre.
Segundo explicaron, primeiro habilitarase a parcela adquirida como zona de esparexemento e posteriormente darase o paso á construción do parque acuático, cun proxecto definido e a busca de financiamento para levalo a cabo. Engadiron que se pretende combinar novas áreas de xogo infantís con elementos para o público adulto, así como mellorar as instalacións exteriores das piscinas municipais, entre elas a climatización.
O goberno sarriao destaca que xa están traballando no deseño e na busca de financiamento para acometer este proxecto, porén, non dan especifican datas nin dan prazos.