O Concello de Sarria sumouse ás reivindicacións pola igualdade no 25N

SarriaXa
"Reafirmamos o noso compromiso coa loita contra todas as formas de violencia machista, chamando á implicación de toda a sociedade para acadar unha igualdade real", clamaron
25N-Sarria-2024
26 Nov 2024

A vila de Sarria conmemorou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres con diferentes actividades, que no propio 25N destacou a lectura do manifesto oficial no Concello de Sarria por parte da  concelleira de Igualdade, Isabel Vergara.

"Reafirmamos o noso compromiso coa loita contra todas as formas de violencia machista, chamando á implicación de toda a sociedade para acadar unha igualdade real. En Sarria, as mulleres voan libres, voan alto! Sigamos traballando xuntas e xuntos para que este voo sexa cada vez máis alto e máis firme! Por unha Sarria libre de violencia, por un futuro en igualdade! Porque a igualdade comeza en min e en cada un de nós, en cada unha das persoas aquí presentes, diariamente, a través de distintas actitudes ou accións exemplares na nosa contorna máis próxima", clamou a concelleira.

A última actividade que se organizará no marco desta efeméride será na primeira semana de decembro e consistirá nunha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual a cargo de María Angélica Mercado Torres, mestra especializada en xénero e igualdade, e dirixida ao alumnado de BAC dos IES do Concello de Sarria.

Esta abordará a prevención das agresións sexuais e a violencia sexual entre a mocidade, e se reflexionará sobre o bo trato nas primeiras relacións, a identificación das tipoloxías de violencias sexuais, como evitar ditas agresións, incidindo na importancia dunha educación afectivo-sexual alternativa á pornografía. A actividade está financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a VX da Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

0.1541759967804